jueves, marzo 27, 2008

O día d@s teatreir@s!

Un ano máis, colgamos a mensaxe do Día Mundial do Teatro, este ano asinada por Robert Lepage, autor, director e actor quebequés. Aquí a está:

"Existen numerosas hipóteses sobre as orixes do teatro, pero a que máis me chama ten forma de fábula: Unha noite, en tempos inmemoriais, un grupo de homes reuniuse nunha canteira para se quentar arredor do lume e contar historias. De súpeto, un deles tivo a idea de se erguer e utilizar a súa sombra para ilustrar o seu conto. Usando a luz das lapas fixo aparecer personaxes inmensos sobre os muros da canteira. Os outros, abraiados, recoñeceron un por un o forte e o débil, o opresor e o oprimido, o deus e o mortal.

Hoxe en día, a luz dos proxectores substituíu o lume orixinal, e a maquinaria escénica, os muros da canteira. E aínda que lles pese a algúns puristas, esta fábula lémbranos que a tecnoloxía está na mesma orixe do teatro e que non debera ser percibida como unha ameaza, senón como un elemento unificador.

A supervivencia da arte dramática depende da súa capacidade de se reinventar asumindo as novas ferramentas e as novas linguaxes. Se non, como podería o teatro seguir sendo testemuña dos grandes feitos da súa época e promover o entendemento entre os pobos, se el mesmo non dá probas de apertura? Como podería xactarse de ofrecer solucións aos problemas de intolerancia, de exclusión e de racismo se, na súa mesma práctica, se resiste a toda mestizaxe e integración?

Para representar o mundo en toda a súa complexidade, o artista debe propor formas e ideas novas e confiar na intelixencia do espectador, capaz de distinguir a silueta da humanidade neste xogo perpetuo de luces e sombras.

E é certo que de tanto xogar con lume, o ser humano corre o risco de se queimar, pero ten tamén a posibilidade de abraiar e iluminar".

Ah! e lembramos que mañá comeza en Vedra unha edición máis de Teatrofilia, un dos mellores festivais de teatro amador, da man da Asociación Cultural Papaventos. Información de primeira man, como sempre, no blog de
Elianinha. Nunca esqueceremos o ben que nos trataron hai dúas edicións! En Vedra é un dos lugares onde se respira amor polo teatro. Aperta, compañeir@s, e moita merda!

2 comentarios:

Elianinha dijo...

Graciñas polos vosos ánimos! E feliz día do teatro a vós tamén. Xa sabedes que sodes ben recibidos por Teatrofilia, así que agardamos vervos por alí. E que pronto cheire a morto en Vedra! ;)

Unha forte aperta!

Remus-Adrian M. dijo...

Hello, Please enter on my blog http://bestvideosakin1985.blogspot.com/ Thank you very much!!!