O Departamento de Cultura do Concello de Brión ven de presentar un ciclo de teatro que sube ao escenario do Centro Social Polivalente aos grupos: Teatro de Cámara DITEA, Teruca Bouza e a compañía Teatro Universitario Pinchacarneiro.
Trátase dun novo ciclo de teatro que complementa a programación iniciada co Outono Cultural, onde as artes escénicas ocuparon un lugar destacado cos ciclos de teatro Carballeira e Pedra do Moucho. Neste caso son tres as compañías galegas de teatro afeccionado que representarán outras tantas obras de diversa temática.
O sábado 27 de marzo, abre a programación Teatro de Cámara DITEA, unha compañía compostelá pioneira no teatro amateur en Galicia, que este ano cumpre o seu cincuenta aniversario. A obra escollida é “Acto imprevisto”, un espectáculo que reflicte a realidade cotiá, unha realidade latente en cada esquina, que a través do humor, intenta aproximarse ao público cun sabor agridoce a través de tres personaxes que coinciden sobre as táboas dun teatro.
O grupo Teruca Bouza presenta o día 10 de abril a obra de Eduardo Blanco Amor: “O cantar dos cantares ou Galicia 1948”, que nos mostra una síntese cultural e antropolóxica da Galicia rural da posguerra, co caciquismo predominante naquela época, dividida en dúas partes con argumentos propios non relacionados.
O ciclo remata o sábado 17 de abril coa representación da obra “Policía” levada a escena pola compañía Teatro Universitario Pinchacarneiro, e baseada na obra de Slawomir Mrozek. Trátase dunha versión libre dun texto do autor polaco máis emblemático do século XX. A comedia, que no fondo non fala de policías, trata da relación entre a precariedade da conduta humana e as súas finalidades.
Teatro, nada máis e nada menos que teatro para os seráns de sábado; unha excelente alternativa de ocio para os veciños de Brión. Todas as representacións serán de entrada libre, ás 20:30 horas no Centro Social Polivalente de Brión. Teatro e... punto.
ENLACE Á NOTICIA COMPLETA
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 Comentarios a 'Ditea celebra o dia mundial do Teatro en Brión'