A compañía Teatro de Cámara DITEA presentou este sábado 27 de marzo “Acto Imprevisto”, unha montaxe teatral que inaugura o ciclo “Teatro... e punto!”, unha programación que vai achegar ata o escenario do Centro Social Polivalente o teatro feito en Galicia por grupos amateurs, aínda que altamente capacitados para convence ao máis esixente dos auditorios.
A poucos días de calquera estrea en calquera teatro, reina o desorde: teares caídos, cables por todos lados, etc, etc. E é aquí onde dúas limpadoras irrompen no escenario; dúas mulleres que, inmersas no trasfego cotiá e alleas a todo este enredo faranduleiro van, inconscientemente, deixándose levar por unha sensación de liberación que lles produce o “espazo de ficción” e, pouco a pouco, amosan as súas paixóns afogadas, tecéndose así unha trama na que, a través das súas tráxicas vivenzas - produto do condenado destino- recoñecemos un mundo moi próximo e, paradoxalmente, cómico. Deste xeito resume Miguel Gallego o argumento de “Acto imprevisto” a obra coa que Teatro de Cámara DITEA se presentou este sábado en Brión.
Vellos coñecidos do público do concello, DITEA é unha das compañías pioneiras do teatro afeccionado en Galicia; de feito, este ano celebra o seu cincuenta aniversario. Ao longo destes anos DITEA converteuse nun referente en Compostela -a súa cidade natal-, Galicia e España no que atinxe ao teatro feito por actores non profesionais. Algúns dos integrantes da compañía acabaron dedicando a súa vida a esta profesión, como Luis Olveira “Pico” ou Mela Casal, entre outros.
Con “Acto imprevisto” DITEA presenta “un espectáculo teatral que reflicte a realidade cotián, unha realidade latente que nos rodea, que a través do humor, pretende achegarse ao público con sabor agridoce”.
A representación tivo lugar este sábado 27 de marzo ás 20:30 horas no Centro Social Polivalente. A asistencia rondou os 80 espectadores, o que resulta todo un éxito nunha fin de semana onde moitos veciños iniciaron as súas vacacións de Semana Santa.
ENLACE Á NOTICIA COMPLETA
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 Comentarios a 'Ditea presenta en Brión "Acto Imprevisto"'