ENTREVISTA | ALBERTE ÁLVAREZ | Director de teatro de cámara ditea
LA VOZ DE GALICIA | 12/12/2010
A vella compañía do teatro galego cumpre medio século de existencia.
Teatro de Cámara Ditea constituíuse en decembro de 1960 nun bar da Rúa do Vilar. Desde entón, ao longo de cincuenta anos, esta compañía compostelá non deixou de espallar a arte dramática por Galicia, moitos deste anos con Agustín Magán ao fronte como director. Onte, precisamente, gran parte dos actores que pasaron por esta compañía pioneira do teatro en Galicia, e ao parecer no Estado, fixeron unha ofrenda floral a Agustín Magán e reuníronse nun xantar de confraternidade. A traxectoria de Ditea, na que se forxaron moitos dos grandes nomes da escena galega, pódese contemplar na exposición 50 anos do teatro de Cámara Ditea na Casa das Asociacións. Mañá, a compañía será a encargada de inaugurar o IX Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, no Teatro Principal, coas obras Aquí cheira a morto e Acto imprevisto , esta dirixida por Alberte Álvarez. Desde a morte de Agustín Magán, Alberte Álvarez foi quen asumiu a dirección artística de Ditea.
-Se vinte anos non é nada, como di o tango, cincuenta pouco máis é.
-Pois debe ser. Nós tiñamos unha discusión con Els Joglars, que compre oficialmente cincuenta anos no 2011, sobre quen eramos máis veteranos.
-Vostedes sosteñen que actualmente son a compañía teatral máis veterana de todo o Estado.
-Pois, como grupo activo, posiblemente. Outros igual estiveron activos durante a ditadura, pero despois non tiveron continuidade.
-Pero vostedes teñen máis mérito porque, a diferenza de Els Joglars, non teñen mecenas como Esperanza Aguirre.
-Pois non. Pero temos un equipo de xente que pasou pola compañía que hoxe en día non teñen nada que envexar a outros actores, como Mela Casal, José Manuel Olveira Pico , Xan Casas ou Luís Zahera e algúns que se me esquecen, moita xente que ten pasado pola compañía e que sigue no teatro profesionalizado.
-Despois de medio século facendo teatro e profesionais, penso que xa case deberían declaralos patrimonio inmaterial de Galicia.
-Pois temos un gran patrimonio en forma de arquivo anual, desde 1960, con fotografías, cartas particulares de autoridades do teatro como Adolfo Marsillach, libretos cuñados pola censura, adaptacións, traducións e infinidade de material moi valioso; ademais de atrezzo, antigas lucernarias, etcétera.
-Teñen libretos cuñados pola censura. ¿Pódese saber quen eran os censores?
-Son do Ministerio de Información e Turismo e do Goberno Civil. Pero Ditea, que para iso era moi espabilada, presentaba un libreto cunha obra e despois facía outra. Máis aínda así non lle foi fácil. Creo que na primeira Mostra de Teatro Abrente prohibíronlles a representación.
-É todo un material moi valioso para por ao servizo da memoria histórica.
-Hai dous arquivos. Un deles tíñao a familia de Magán, que creo foi cedido ao Centro de Documentación Teatral, e outro o ten Ditea. Este arquivo está ao servizo do público si o solicita.
-Ditea fundouse nunha tasca, o que confirma o gran papel desempeñado por estes espazos, hoxe xa case desaparecidos, como focos da cultura.
-Si. Nelas tiveron lugar as primeiras xuntanzas, facíanse as lecturas e formalizáronse os estatutos. Despois Ditea pasou a ter local onde estaba o CDG, enriba do Casino. E, posteriormente, grazas a un acordo co Concello tivemos un ala do Museo do Pobo Galego. Pero cos anos fomos expulsados de alí para acabar nun local de aluguer no Pombal. Iso, xunto coa falta de axudas da Xunta, supuxo o declive económico de Ditea.
-O Pombal, secular espazo de xente da vida, non parece mala residencia para unha compañía de teatro.
-Claro, por que non. Aí sobrevivimos todo o que podemos.
-Viven, pois, tempos de resistencia.
-Si. Porque aos actores, actrices e equipo técnico cústanos cartos aos nosos petos. Para unha compañía afeccionada é difícil autofinanciarse salvo que fagamos moitas funcións.
-¿E por que Ditea nunca deu o salto á profesionalización?
-Ditea, acrónimo de Difusión do Teatro, naceu como grupo de amadores do teatro. Co tempo houbo un bum da profesionalización, pero sempre mantivo ese ser escola de teatro; porque o único lugar de formación dos actores en Galicia eran os grupos de teatro afeccionado.
Enlace á nova
0 Comentarios a '«Nas tascas fixemos xuntanzas, lecturas e estatutos do grupo»'